A paixón pola palabra
De xeito inequívoco xa desde o prólogo, Cando petan na porta pola noite pretende erixirse en homenaxe e reivindicación da tradición oral, dos relatos que se transmiten de boca en boca e de xeración en xeración. Sendo rigorosos nin sequera cabería falar de relatos, senón mais ben de “sucedidos”, de historias que xa sexan certas ou falsas cóntanse sempre como verdadeiras, introducindo nelas personaxes ou lugares familiares para quen as escoita co fin de darlle maior verosimilitude. As narracións populares posúen, ás veces, certas pretensións didácticas; delas pódese tirar algún consello ou algunha ensinanza (ese é o caso de moitos dos contos compilados polos Irmáns Grimm); nesta clase de relatos aos que me refiro co nome de “sucedidos” o que conta é, pola contra, o puro pracer por explicar historias, entendendo con claridade que o que se conta pode ser importante, pero mais aínda o é a maneira na que se conta. O propio autor, Xabier P. Docampo, explica que o seu pai era un gran contacontos, alguén a quen os veciños lle pedían que lles contase historias, mesmo aquelas que xa sabían. Dese espírito beben os catro relatos de Cando petan na porta pola noite.
Unha das claves do libro é o medo. A literatura debe servir para que entendamos mellor o mundo, debe ofrecernos os alicerces cos cales logo construiremos a nosa particular explicación para as cousas que pasan. As historias, ao recibírmolas, facémolas nosas, e por iso hai tantas coma persoas dispostas a contalas e a escoitalas. E é ao facelas nosas cando acabamos co medo. O autor convídanos a ler os relatos de Cando petan na porta pola noite “sen medo, aínda que parezan de medo”, e así é, de feito. Non explotan o temor primario ao “sobrenatural”, aínda que xoguen con el e desemboquen en finais ás veces crueis, ás veces ambiguos; asumen o misterio con normalidade, como un elemento mais da vida. Pero o que verdadeiramente debe aterrarnos non son os lobos nin os mortos que se aparecen aos vivos; o que debe meternos medo é a morte a destempo, a violencia inútil, a perda dun fillo, a vida vivida sen paixón.
Tan valiosa ou mais que os catro relatos é a lista final coa cal o autor fala de si: “Eu teño medo... A quedar só no mundo. A morrer pronto. A que os que quero non me queiran.” Imposíbel non asumir como propia esa lista que incide no elemento humano (e humanista) que debe ter a literatura. A boa literatura.
D. R. Cartwright


3 Comments:
E agora que empezou continúe, please. Non me sexa tan distraída. ;-)
oh! himemeo, tan transparente que non entendo porqué se agochan baixo pseudónimos de literatas con comentarios tan ortodoxos, pra iso están os xornais...
e dende logo os límites do cinematográfico son moito mais amplos do que vosté di signorina. Que as veces semella demasiado convencida do seu...
Non vaia ser que se tome por "importante" a si mesma e comeze a bautizar e vaticinar con ferocidade
Perdinme un pouco con iso do himemeo transparente e os pseudónimos de literatas. Explíquese, por favor.
Madame Cartwright
Enviar um comentário
<< Home